SEGUIMOS FALANDO DE DIGRA

Pero antes recopilemos inormación:

O primeiro libro reza:

Egro DIGRA NEOPRANTOE CA CNINOSITO

 

 

1.234

RECOLLIDO DO DIARIO DE OLAF O HERMITÁN, MORTO DE TUBERCULOSE EN TURQUÍA.

“Son o que botou a andar.

O Deus amence pola noite e absorve todo canto no corpo consumido (de cinza) queda. O deus, escondido na cidade da botella, na fortaleza de cristal e xeo, extende longos e aparatosos tentáculos a través de Digra e chama ao seu marido e responde a súa muller. Loor a Digra.

É Digra ou non é Digra? É o Deus negro do buraco escuro ou non é Digra, ou non é Digra ELA, ou é Digra?

Escoitouse un pitido que os deixou tremendo de medo, aterrorizados en zulos de cor verde con cheiro a raíces húmidas: eran as enormes baleas devoradoras de soles. Pero isto non ten senso máis alá do poético e o anecdótico.

Despois chegou o amencer da noite, e Digra extendeu as ás, disposta a alimentarse da nosa carne branca e magra situada baixo doce pilares metálicos. É Digra acaso Digra?”

Digra U Doi Digra?

RECOLLIDO DAS PALABRAS DO ZAPATEIRO:

“A muller que amaba a Digra sentou un minuto no xardín das negras sombras angulosas. Quedaban case esquecidos e borrados na area do tempo os anos aqueles nos que a súa beleza nos levara a todos na guerra de irmán contra irmán, pro así a todo a Lúa sobre o seu corpo espido aínda fixo tremer o meu corazón de vello.

Pronto, moi pronto, as árbores tremeron aterecidas polo vento, e a fina seda que cubría os pés da miña señora esvaeuse co salouco do ar calmado. Torceu a cabeza cara a negrura ao outro lado das columnas de nácar de óso, recordando que máis aló se escondían as horripilantes salas nas que se gardaban os libros de tapas de pel humana e tinta de soño escondido, cos ollos entornados cara a negra ialma.

Cun xesto de horror nos ollos avanzou cara o balcón e alí pasou longas horas mirando cómo as olas fodían salvaxes contra os espolóns de rocha, e polo xesto que fixo penso que recordaba aqueles fermosos sacrificios asimétricos que alí aconteceran no seu nome.

Abrazouse cós brazos brancos e unha sombra recorreu o muro. Alzouse sobre as espaldas brancas de lúa albina e cun xesto o horror: Un berro, porcelana. Un berro, e caeu ao chan.

Aínda non me explico o rostro desencaixado e os ollos brancos de tanto horror có que foi atopada, flotando na bruma da mañá.

Tremo de só recordalo. Os ósos escachan de frío”

 

Digra Pernandua, ah e do nounoe

DAS PALABRAS DUN MARIÑEIRO ANÓNIMO:

“Fillo, viaxei polos mares da néboa, e nunca sentín terror tan grande como o que se vía nos ollos de Olaf na noite do seis de maio, no ano en que chorou a comarca.

Atopei ao meu vello amigo nos arredores da Costa de Digra, flotando sobre a auga como un morto deixado nos ósos, e máis branco que a neve. Ao resctalo experimentei unha sensación de desacougo que se afianzou ao ver que todos os seus rexos músculos estaban tesos como unha táboa: os brazos e as pernas extendidos cara os lados e tortos na súa postura, a cabeza cara atrás e o pescozo estirado. Grotesco.

Cando pasaron as súas boas horas, berrou nunha moi escura lingua sen sentido. Nada como aquilo que falan os sacerdotes de Digra, senón algo máis primordial, non sei se me entendes… Olaf non articulou palabra. Falou como fala a herba cando o vento lle peina o cabelo, falou como o regato atravesado pola lanza do sol, como o chan baixo o casco do potro ou a abella esmagada baixo a bota do home santo. Así falou e, mentras o fixo, a marea calmou o seu embate e a noite virou ao fin tranquila.

Despois sentou canda min e faloume da sala dos libros de pel humana. Por suposto que ao principio non o crin, pro había aquela sustancia extraña cubríndolle os ollos, e esa voz rouca e calma e o corpo murcho e aterecido de frío… crin cada palabra. Aínda lle creo cada palabra.

Dixo que o agarraban polas costelas e o controlaban con voces sobrenaturais. Que inmensas caras de néboa ocre surxían do líquido primixeio que cubría as paredes. E faloume de grandes ollos brillando vermellos e dun horror tal que morreu tres veces antes de que lle permitisen apartar a mirada.

É por iso que Olaf está medio tolo e sempre sinte frío, e de ahí a mirada turbia e o brazo dereito inservible. E sí, sospeito que o seu trato con certas especies da aves ten que ver con isto.

O pobre Olaf, o hermitán sen sombra. Agora di que quere marchar a Turquía…”

g3056.png

DERNADOA…OH, dernadoa Digra: Digra Pernandua, ah e do nounoe.

Ah e do nounoe u do nounoe set

 

…………………….

 

E o estado primario do home é a soidade.

Hai formas de paliala: alcohol, amigos, abrazos, sexo, matrimonio, palabras e gorros de mariachi…

Pero non se pode destruir a soidade.

 

O home que viu a Digra sinte como mil. Sinte con maior frecuencia. Chora e as súas bágoas torcen o curso dos ríos. Berra, e o seu berro creva tormentas e destrúe furacáns. Mata, e cando mata o sangue cambia a cor dos bosques.

Chora, e se chora as súas bágoas torcen o curso dos ríos.

-Sentín

-Dixo unha tarde.

– Un extremado estado de lucidez. Coma se un lóstrego me atravesase o cranio de lado a lado, e por momentos (un intre minúsculo, intermitente, visible agora si e agora non) fun capaz de captar con incrible luminiscencia TODO. Vivimos arrastrando os pés, babexando polos alongados campos de Atila, e rimos dos coxos e dos mancos e os mendigos. Rimos co noso defecar inmundo pra non nos sentir tan desolados, e formamos corros pra berrar en manada e tirar pedras ao clube inimigo á hora do té.

Pero ao final, somos só nós connosco. A masturbación é o único momento coherente e sincero da túa vida. Digra sábeo, e usaráo en contra túa.

——————————————————————-

Un home de pelo crecho baila embriagado. Drogas. Incenso. Palabras feitas de signos. Linguas de deuses. O gato tolo. O ollo amplo. A prosa épica e a seda suave en músculos negros. Súor frío e velas beige. Salas turcas baixo o pasadizo do home sabio. Unha daga. Unha liviá mención baleira de significado á lúa e o sangue corre.

——————————————————————

1999

A fermosa Prometea danza entre os froitos

Coa súa pel de alabastro contemplada polos rostros.

E o perfume do seu xiro, e a súa verba inmortal

E o rosmar lento das fadas do mundo de alén do mar.

 

DICTADO:
O ESPAZOIDEA (un lugar Pseudoplatónico) é recorrido de arriba abaixo polo recén -desde hai cinco anos- autoproclamado bruxo de barbas crechas. O ESPAZOIDEA é O Outro Lugar. O Lugar Inexplorado. O lugar común falto de corpos. O lugar real pero imaxinado polo que viaxar e extraer niveis. Máis aló da razón física hai mundos que explorar. O materialismo, inda dialectizado, perderase cando chegue o fin do vello mundo e nos ispamos de prexuízos, sendo ao fin libres de percorrer estoutro plano cheo de lugares comúns, cheo de lugares únicos, cheo de lugares por crear e lugares persoais e intransferibles.
Digra sábeo, pois en certo xeito pertence ao ESPAZOIDEA, pero está demasiado cómodo percorrendo o recén descuberto plano físico para que agora todos os demáis o abandonen e o destrúan.

 

1888, WHITECHAPELL
O coitelo cortou carne e comezou o século XX
Loor a Digra.

Do libro “Un Xardín Oculto Na Selva da Percepción”. Do difunto Profesor Luther Arkwright, ano 2003:

CAPÍTULO 3-¿A ÚNICA MAXIA-A MAXIA DO CAOS? (Extracto)

[…]Iso (que a única maxia é a do Caos) afirmou o Escocés Calvo da Barriga Cortada, e o certo é que o que dicía non era bonito de ningún xeito. Seica viu seres a través dun Método Caótico inexplicale para min, e afirma:

“As formighas constrúen sidades, sociedades enteiras, i fan de todo… sen saber que existimo-los humanos, ata que aparesemos e lles pateamos o formigheiro. Existen desde fai millons danos pro non saben que nosoutros estamos acó. I nosoutros disimos que dominamo-lo mundo, pro eu digho ¿Que pasa si hai alghén moito máis tocho, tan obvio que non o damos visto, pro que está en todas partes?”.

O Bruxo das Barbas Crechas di: “pode que si, pode que non. O meu camiño é outro. Eu camiño polo ESPAZOIDEA”.

Pero isto da que pensar, se temos en conta que Digra está ahí.

¿Que é Digra?

[…]

A GOETIA.

(Algo hai, hai que investigalo. O autor destas liñas atópase nun estado de iniciación chamánica leve).

0000000000000000000000000000000000000000000000000000000000000000000000

Os seres invertidos baixan a ver

Unha sesión doble de ciencia ficción.

Planeta Prohibido será unha delas

E as outras quedan á túa elección.

0000000000000000000000000000000000000000000000000000000000000000000000

Do libro “Tras o Misterio de Digra”, do profesor Welbeer Mason, 1987:

Os tentáculos de Digra, dixo o Profesor R, son seres pensantes que se comunican telepáticamente có espazo exterior de forma individual e non coherente, totalmente independizados do ente chamado Digra.

¿Pero quen sabe se Digra ten realmente tentáculos? ¿Acaso alguén o viu?

O Profesor R asegura que el o fixo, que chegou a durmir no reino polimétricamente imposible de Digra, pero eu creo que viu demasiada ciencia ficción e leu demasiado Lovecraft. Non tomaría demasiado en serio o seu xuízo, sobre todo tendo en conta que agora se atopa entre os muros de Miskatonik…

(Iso si, os seus adiantos en materia de viaxes interdimensionais non llos quita ninguén).

 

 

 

O seguinte conxunto de documentos constitúen o que nos quedou do traballo na URSS do profesor Welbeer Mason, e quizais sirvan pra comprender, xunto co anterior documento, as extrañas conclusións ás que chegou o seu estudio sobre Digra así como a súa vida.

Documento 1:

(DA CONVERSA ENTRE O CORONEL ANDREI P. NIETVOK E O COSMONAUTA R. POPOV O 2 DE NOVEMBRO DE 1974. POPOV FORMABA PARTE DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓN SEGREDO DA URRS ENVIADO A RECOLLER INFORMACIÓN SOBRE UNHAS EXTRAÑAS NEBULOSAS AVISTADAS NA ÓRBITA DE SATURNO. NO MOMENTO DESTA CONVERSA, XA O RESTO DO EQUIPO ESTABA MORTO, SÓ QUEDABA POPOV CON VIDA)

-Popov? Adiante, popov, escoitamoste…

-aquI popov, CORONEL, desde a lanzadeira gagari… os cUmulos de nubes (inintelixible) rosa…

-podes repetir iso, popov? Temo que perdimos o Sinal.

-todo o que penSamos, todo o que IMAXINAMOS, quedAbSe curto… Se SoubeSen que… (silencio)

-popov?

-non podo falar, oenme. Estan oindo.

-quen esta oindo, popov? Que pasa?

-as nebulosas. Non son gases. Non son gases. Pensan… oh, pola barba de lenin…

-popov! Popov! Que ocorre ahi? Atopase ben?

-o muro caera, camaradas. Din que o muro caera…

-popov?

-o muro caera, rocKy vencera a ivan drago.

-popov, oeme?

-popov non esta aquí, coronel. O muro caera.

-que muro, Popov?

-sempre quixen ver Berlin oeste.

(silencio de duas horas e estáticas casuais)

-coronel?

-popov, que ocorre ahí arriba? Que pasa coas neulosas??

-sua muller ten cancer, coronel.

(fin da transmision de popov)

 

Documento 2:


A morte por cáncer anos despois da esposa do Coronel Neivtnoh foi o primeiro signo de sospeita por parte das autoridades de que o que acontecerá no espacio non se trataba dun simple caso de loucura do náufrago, como se sacara en conclusión tras visitar a Lanzadeira Gagari e descubrir tan só unha serie de corpos mortos por desnutrición.

As probas da lanzadeira non facían pensar no que logo se descubriu (documento 3).

Pronto, o equipo de científicos enviados a investigar o acontecido na Lanzadeira Gagari comezou a evidenciar signos extraños no seu comportamento. Informas militares da época relatan conductas extremas, autodestructivas e paranoicas, así como un incremento do C.I. destes individuos.

Despois do suicidio dun dos membros, o señor Tecnoi Tartov, as autoridades rusas tiveron a ben xuntar ao grupo de científicos para estudialos pormenorizadamente.

A sorpresa foi maiúscula cando se decataron de que, estando todos xuntos, non só os seus ánimos se relaxaban e as súas conductas se volvían dóciles, senón que entre todos lograban realizar actos de telekinesis inanimada, telepatía e precognicións. Co discurrir do tempo, comezaron a actuar como unha soa mente pensante, e no verán do ano 1977 viron con estupor que, de alonxarse demasiado un membro do grupo, todos caían nun estado de coma vexetal ata que volvían estar xuntos.

No transcurso da súa vida, os científicos realizaron tres grandes pronósticos:

O primeiro, ao igual que o cosmonauta R. Popov, falaron da caída do muro de Berlín, e ademáis entraron en detalles acerca de cándo e cómo sería.

O segundo consistiu nunha detallada descripción do que as nebulosas eran e de cómo reaparecerían na órbia da terra no ano 2050.

O terceiro anunciou a chegada dun ser do espacio chamado Digra.

Cando se lles interrogou sobre isto último, pareceron dubidar un segundo, e ao cabo disto un dos membros, Jules Navara, morreu de súpeto dun derrame, levando aos demáis científicos ao coma.

 DOCUMENTO 3(extracto)

Infome á L.U.V. por parte do Subcomandante Tecnoi Tartov. 3-1-1975.

O que ven a continuación é verídico e, a fin de confirmalo, está firmado voluntariamente polos homes e mulleres que me acompañaron á lanzadeira Gagari coa misión de investigar o acontecido.

O 30 de Decebro do ano 1974, polo reloxo de Moscova, a Misión de Recoñecemento BOG, capitaneada polo Comandante Rupov e tripulada pols abaixo firmantes, chegou á Lanzadeira Gagari, precisándose exactamente tres horas e 25 minutos para conseguir un acoplamento idóneo para introducirnos nela.

[…]

Tras horas de búsqueda, non atopamos nada. Non había ningún corpo vivo na lanzadeira agás nós. Os tripulantes da nave parecían ter deaparecido, así com as variedades de animais e plantas que portaban con eles. Pronto descubrimos que foran incinerados dalgun forma, ao ver que, no canto das citadas especies de flora e fauna, había só uns restos de cinza gris (que recollemos e separamos para analizar, e que deron os resultados especificados pola doutoa Kiva no informe adxunto).

Os ordenadores de abordo pereceran totalmente, e por máis que o Cabo Enxeñeiro Travovski o intentou non conseguimos sacar ningunha información daquelas máquinas. Sen embargo os circuitos parecían estar ben, e a actividade eléctrica e motriz da lanzadeira estaba intacta.

[…]

Atopábamonos todos na sala B de ordenadores cando o Comandante Rupov comezou a tusir de forma eaxerada. Pronto caeu ao chan e morreu agonizando antes d que puidésemos seuera facer nada.

Nese intre todos os que estabamos alí sentimosa mesma sensación, e pido de antemán disculpas ao Comité pola falta e rigor á hora de describila, pero a metáfora é axeitada. A sensación era semellante a varias linguas ou tentáculos húmidos e fríos recorréndonos peito, brazos e pernas. Comezamos a sentir extremas dores de cabeza e a sangrar de forma leve pola tráquea. Corrimos como puidemos á Nave BOG para que nos atendesen os oficiais de enfermería, e coa mesma desacoplamos a nave á miña orde.

Dado que nese intre, e debido ao falecemento do Comandante Rupov, eu estaba ao mando da nave, decidín abandonar a L. Gagari e volver á Terra e presentar informe. Se se debe sancionar a algunha persoa por abandonar a LAnzadeira Gagari, debe ser a min.

Pola miña banda, considerei que as experiencias vividas no interior da lanzadeira eran ameazantes para a integridade do equipo ao meu cargo, e xuzguei que era prioritaria dita integridade sobre a misión.

[…]

O QUE VEN A CONTINUACIÓN OCORREU NO PARALELO (DIMENSIONAL) 123.324. TAMÉN COÑECIDO COMO TERRA-NEVE.

FOI O PRIMEIRO MUNDO AO QUE DIGRA SE ATOU E O ÚNICO QUE SOBREVIVIU A ISTO. ISTO E UNHA DECLARACIÓN ESCRITA DE DAN DADÁN, O FALECIDO HEROE DO POVO TECNOVI, NO SEU LIBRO DE MEMORIAS.

“Empezamos a cortar os cadáveres a iso das 3 da mañá. O frío da meseta xeada meterasenos nos ósos e non tiñamos lume, así que o imbécil de Orión propuxo que collesemos as pás e os picos e empezasemos a facer anaquiños dos cadáveres dos nosos amigos mortos na marcha, por aquilo de entrar en calor e de facer espacio nos trineos.

O puto Orión, capitán e asasino. De cando en cando tiña boas ideas.

Eu cortaba a cabeza de Brunilda, esposa de Xim Dúas Pirolas, cando sentimos o bruído feroz de mil pasos sobre a planicie branca, e foi Olaf o Hermitán quen deu en sinalar unha serie de diminutas figuras que, erguendo unha gran nube de pó de neve, avanzaban velozmente cara nós ao lonxe.

Aínda pasou unha hora ata que os viaxeiros se cruzaron connosco. Traían roupas negras de abrigo e gorros de lá encarnados, todos eles enormes homes clónicos de barbas longas e canas da folerpa. Os seus trineos viñan todos tirados por aqueles cans negros enormes propios da zona septentrional, e mostraban nas caras un cansanzo de morte de días e días de longo camiño. Fixeime tamén en que non había muller nin neno entre deles, e que nos seus trineos non parecían levar nada de valor agás as mudas negras e os picos e as pás e as raquetas.

Orión achegouse a eles coa súa cara habitual de poucos amigos, súando como unha porca. “¿Quen sodes vós, eh?” O xefe da expedición fixo avanzar o seu trineo e púxose frente a Orión, quen nese momento portaba na man esquerda o brazo conxelado do seu pai e na dereita un machete encarnado de sangue.

O home aquél estaba moi serio.

“Dade media volta e seguiredes vivos”.

Aquilo, claro está, provocou risas nuns, asombro noutros e medo nuns poucos. ¿Quen era aquel paiaso para virnos con esas frases lapidarias no medio e medio da nada?

Orión non fixo caso, pero ben se vía que estaba nervioso, porque facía iso que facía cos dedos cando estaba nervioso. “¿E non teredes lume? Aquí no frío estamos morrendo, e ainda quedan, penso eu, uns cantos dias de camiño pra chegar á cidade máis próxima” E miroume a min, porque sabía que me divertía velo ter que suplicar cousas desa maneira e que me ía escarallar del canto puidese. “Non imos durar moito sen lume. Mirade xa cómo foron morrendo os nosos, e…”

Un trineo púxose á beira do líder dos extraños. E o home novo que nel ía montado rosmou algo calado ao oido do seu capitán.

“Temos lume e darémosvos lume. Pero tendes que vir connosco a Vento”

A cara de Orión era para mexarse. Puto imbécil.

“¿A Vento? ¡Xa vimos de Vento! A caza do Oso rematou xa alí e xa non queda nada máis que casas ocas, ¡muros e sombras!. ¡Estará baleiro ata dentro de seis meses!”

“Dadas as circunstancias é igual: temos que ir alí e rematou a charla, meu. Forzaremos algún albergue e quecerémonos nas súas salas de pedra. O camiño que levades está errado”.

“¡¡Nós Imos a Auga!!”

Foi impresionante como aquela frase produciu un calafrío simultáneo no corpo de toda aquela expedición extraña.

“Non se pode ir a Auga. Auga non existe. Hai que ir a Vento.”

Todos nos miramos, cómo non. E de entre as peles do trineo do capitán saíu una voz de vella cabrona choromicas:

“Digra Pernandúa!!Digra!! Digra!!”

E Orión:

“¿Digra?”

E o capitán no seu trineo de cans negros:

“Digra”.

Tres días despois estabamos en Vento buscando algo para comer entre os seus muros mortos.

Digra Pernandúa. Más adiante cheguei a vela cos meus propios ollos, acompañado do vello e fillo de puta Orión. Pero prefiro non falar diso.”

COMO SE DESPRENDE DO TEXTO, DIGRA XA ERA COÑECIDA ATES DA SÚA CHEGADA. ISTO É DEBIDO A QUE NA TERRA-NEV EOS HOMES NON CHEGARON A PERDER OS ESCRITOS HIPERBÓREOS QUE INFORMABAN DE TALES COUSAS. ESTA AFORTUNADA CASUALIDADE FOI A QUE AXUDOU EN MAIOR MEDIDA A CONSERVAR A REALIDADE MATERIAL DESTE PARALELO, POSTO QUE OS PROFESORES XAM BOIMDE (QUE APARECE NO RELATO COMO LÍDER DA CARAVANA FUXITIVA) E MARVO LUTERO PUIDERON ENTENDER GRACIAS A ESTES TEXTOS ANTIGOS A NATUREZA DAS INTENCIÓNS DE DIGRA, LEVANDOOS DIRECTAENTE A CREAR AS MEDIDAS NECESARIAS PARA A SUPERVIVENCIA DO MUNDO (LER “DATOS DA GUERRA MENTAL”, DE DAN DADÁN PARA MAIOR INFORMACIÓN).

OS PRINCIPAIS DESCUBRIMENTOS DA ÉPOCA FORON:

-“Digra pertence ao Espazoidea, un nivel superior de realidade difícil de alcanzar para o ser humano, o plano das ideas. O home vive no Espazomateria, un nivel máis baixo e concreto, o plano físico. A medida que o home consegue achegarse ao Espazoidea, Digra descobre o Espazomateria, e síntese ataído/a. Pero o home avanza e ameaza con abolir a diferencia entre Espazomateria e Espazoidea, e Digra síntese ameazado/a. De ahí o seu ataque.” (Do ensaio”Digra Pernandua”, do doutor bruxo Marvo Lutero, extracto.). Eta teoría sería ampliada tres anos despois polo seu discípulo máis famoso, Eldo K. Badruerde, quen diría “Digra é unha idea. Como tal podémola destruír ou modificar fácilmente. Por tanto, Digra sinte medo e decide facerse material e tanxible e evitar a adulteración constante á que se ve sometida toda idea. Digra tórnase entón unha idea concretada capaz de ter ideas propias e isto é temible, pois o Espazoida ata enón era froito tan só da mente da humanidade, e agora unha intelectualidade radicalmente distinta entra en xogo). Nós, como especie, temos dúas formas de atacar: crear ou transformarnos nós mesmos en ideas máis fortes que Digra, ou atacala físicamente, xa que anque as ideas son a prova de balas, non o son así os habitantes do Espazomateria”.

-Digra sente un profundo amor por todo o que existe no Espazomateria. Na guerra mental estabecida con Digra, este foi un sentimento experimentado de forma constante.

-O Espazoidea, nos seus niveis maiores (inalcanzables aínda pola humanidade) está ocupada por conceptos tan puros que son incriblemente destructivos: ideas sen manipular, sen vocablo sequera que as defina.

-A medida que a humanidade dalgún paralelo se achega ao Espazoidea, Digra ve aberta una porta a un novo Espazomateria. E ataca.

-Que Digra se aferre a un Espazomateria máis non lle da, contariamente á crenza común, un “poder” maior. Só o/a fai máis feliz. Sen embargo, se humanidades de disintos paralelos alcanzan e comparten o Espazoidea de ambos, as ideas multiplícanse, súmase e defóranse, dando ugar a un mosaico máis rico co que conseguir danar a Digra.

NO PRESENTE VIVIMOS Á PORTA DA EXPERIENCIA ESPACIOIDEÍCA. É UN FEITO (LEDE DE NOVO OS PRIMEROS DOCUMENTOS) QUE DIGRA COMEZA A ACHEGARSE DESDE O ESPACIO. ISTO SERÍA UNHA NOVIDADE NO SEU MÉTODO, QUE ALGÚN EXPERTOS ATRIBÚEN A QUE DIGRA AÍNDA É LIXEIRAMENTE VULNERABLE AOS CAMBIOS DO ESPAZOIDEA. A HUMANIDADE DO NOSO PARALELO (O PARALELO 019.988) É A ÚNCA POSEEDORA DE RELATOS DE MARCIANOS INVASORES E DE LOVECRAFT. ISO EXPLICARÍA QUE DIGRA ACTÚE CMO UN DESTES “DEUSES PRIMIXENIOS” DOS RELATOS LOVECRAFTIANOS.

CONTINUAREMOS INFORMANDO.

[YOUTUBE=http://www.youtube.com/watch?v=1ftld7Ohojg&eurl=http://blog.adlo.es/]

Deixar un comentario

Aínda non hai comentarios.

Comments RSS TrackBack Identifier URI

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s